No lugar de O Cancelo do Medio, parroquia de Cabovilaño. Contará con 32 habitacións. Reforzarase a oferta no Concello da Laracha e favorecerase o desenvolvemento e a creación de emprego nesta zona rural...
Na sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local celebrada hoxe luns acordouse conceder a licenza de obra para a construción dun hotel no lugar de O Cancelo do Medio, situado na parroquia de Cabovilaño, moi preto da glorieta que dá acceso á autoestrada AG-55 (A Coruña-Carballo) desde vía AC-552.
A través desta iniciativa privada crearase unha edificación que contará cun total de 32 habitacións.
A creación do hotel no lugar de O Cancelo significará unha nova posibilidade para o desenvolvemento económico e social nesta zona rural do Concello e, por tanto, para a creación de emprego. A súa situación é estratéxica, xa que o seu emprazamento é moi próximo ao parque empresarial da Laracha e as comunicacións viarias son excelentes.
Deste xeito reforzarase a oferta que existe na Laracha para a hospedaxe. Actualmente cóntase no casco urbano da Laracha cun hotel e unha pensión. No termo municipal tamén existen tres casas rurais nas parroquias de Cabovilaño, Montemaior e Caión.