Martes, 19 junio 2012

Nota de prensa do BNG

Enviar por email

Os portavoces do BNG na Coruña e en Arteixo levarán aos Plenos municipais as demandas das traballadoras de Mafecco, sobre as que pesa un ERE de 42 persoas, malia haber suficiente carga de traballo...

[Img #17288]O portavoz do BNG no Concello da Coruña, Xosé Manuel Carril, e mais a portavoz do BNG no Concello de Arteixo, Silvia Seixas, reuníronse esta mañá coa presidenta de Mafecco, Luísa Sánchez, e outras membros do Comité de Empresa, acompañadas tamén da secretaria nacional da CIG-Téxtil, Dores Martínez Castelo, para tratar a delicada situación en que se atopan as empregadas desta fábrica situada no polígono de Sabón. As traballadoras, ameazadas por un expediente de extinción de emprego que afectaría a máis do 50 por cento do cadro de persoal, foron explícitas ao reclamar perante os medios “queremos que nos rescaten, como fan coa banca”.

O pasado xoves, tres días antes de que as empregadas comezaran as vacacións, a dirección da empresa comunicaba a súa intención de despedir 42 traballadoras dun total de 78, acolléndose á regresiva reforma laboral do PP. Trátase de empregadas cualificadas e con experiencia que levan máis de 35 anos desenvolvendo o seu labor nesta empresa.

En declaracións aos medios en rolda de prensa, Silvia Seixas e Xosé Manuel Carril denunciaron  que as traballadoras van ser despedidas malia haber carga de traballo. Explicaron os nacionalistas que non existen problemas de stock na empresa, ao traballar baixo pedido, en función da demanda, e que tampouco existe unha situación de perda económica que poña en perigo a viabilidade de Mafecco. “Porén, a empresa pode despedilas porque a reforma laboral do PP así llo permite”, salientaron

A empresa alude á falta de liquidez, un problema que, en todo caso, non require de despedimentos. Así, baixo esta decisión se agocha a deslocalización, a busca de man de obra máis barata. Criticaron que aXunta de Galiza incentive a deslocalización, con axudas á internacionalización. “Trátase dunha combinación perfecta que ataca a muller: transnacionalización da produción, reforma laboral e axudas á internacionalización”, apuntaron .  Precisamente, a empresa téxtil Caramelo, aos 6 meses de se facer efectivo o ERE, recibía unha axuda por parte da Xunta de Galiza por valor de 5 millóns de euros para externalizar a produción.

Ante este contexto, os portavoces nacionalistas comprometéronse a presentar sendas mocións para o vindeiro Pleno ordinario de xullo co fin de defender as traballadoras de Mafecco e anunciaron o apoio do BNG á concentración que o cadro de persoal da empresa convoca este xoves ás 11h fronte á delegación da Xunta, en Monelos.

A Xunta de Galiza aínda non respondeu á solicitude de reunión urxente do Comité de Empresa de Mafecco

Pola súa banda, a presidenta do Comité de Empresa expuxo que non existen razóns reais nin obxectivas para despedir traballadoras en Mafecco, tal e como aconteceu no ano 2006, cando a empresa, que contaba con 151 traballadoras, quixo presentar un ERE que os tribunais rexeitaron.

Luísa Sánchez sinalou ademais que as traballadoras só cobraron 300 euros do salario de maio e advertiu de que dentro de quince días vence a nómina de xuño, os atrasos do convenio colectivo e o período de pagamento da extra. A este respecto, Dores Martínez Castelo,  responsábel de CIG Téxtil, denunciou a ambigüidade da empresa cando se lle cuestionou se contactara con entidades bancarias para solicitar unha liña de crédito que permitise satisfacer estes atrasos.

Por último, Martínez Castelo advertiu de que “estamos a falar dunha nova desfeita laboral nun sector, o do téxtil, xa de por si deprimente”. Con todo, denunciou que a Xunta de Galiza, no canto de se implicar, aínda non respondeu á solicitude de reunión urxente que o Comité de Empresa lles requiriu á conselleira coruñesa responsábel da Consellaría de Traballo e ao conselleiro de Industria.

¡Deje su comentario!
El Noticiero de Arteixo • Términos de usoPolítica de PrivacidadMapa del sitio
© 2013 • Todos los derechos reservados.
POWERED BY FOLIOePRESS