Así foi comunicado oficialmente ao Concello da Laracha pola Xunta de Galicia. Supón un importante avance na tramitación administrativa deste Plan promovido polo goberno municipal. Os obxectivos son aumentar en 7.200 metros cadrados a superficie de equipamentos ligada ao centro e reforzar a seguridade viaria no seu entorno...
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galicia vén de comunicar oficialmente ao Concello da Laracha a non necesidade de sometemento a Avaliación Ambiental Estratéxica do Plan especial do sistema xeral de equipamento educativo do CEIP Ramón Otero Pedrayo.
Trátase dun importante avance na tramitación administrativa deste proxecto, que polas súas características require, a continuación, da aprobación inicial por parte do Concello –trala que haberá un período dun mes de exposición pública-, así como dos preceptivos informes sectoriais favorables dos diferentes organismos autonómicos antes da súa aprobación definitiva.
Os obxectivos que se fixa o goberno municipal promovendo ese Plan son ampliar a superficie de terreo vinculada ao centro e mellorar os seus accesos.
Así, por unha parte resolveríase o problema que existe na entrada principal cos ancheamentos da rúa José Añón desde a C-552 ata a escola da Areosa –quedando diferenciadas as zonas de tránsito rodado e a reservada para peóns- e, do tramo da estrada Buenos Aires-Pereiro nas inmediacións do centro.
Por outro lado, unha nova parcela duns 7.200 metros cadrados pasaría a formar parte do ámbito do colexio, quedando este espazo reservado, inicialmente, tanto para os autobuses de transporte escolar como para aparcadoiro de vehículos do centro, posibilitando trasladar a esta zona o estacionamento dos automóbiles particulares dos mestres e traballadores. Esta nova superficie nun futuro podería albergar outros equipamentos dotacionais de tipo educativo, cultural ou deportivo no caso de que o colexio así o requirise.
É importante destacar que este Plan, aínda que tamén se refire ao CEIP Otero Pedrayo, é totalmente independente ao proxecto de construción do novo edificio do centro, que foi recentemente aprobado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia e está previsto que comece a desenvolverse antes de finais de ano.