Viernes, 15 junio 2012

A Laracha e Paiosaco acollerán o Finde-Basket o sábado e o domingo

Enviar por email

A gran festa do baloncesto contará cuns 300 xogadores. Organizada polo C.B. Laracha en colaboración co Concello. Tamén participarán A.D. Valle Inclán, C.B. Arteixo, Basket Coruña e Idefic...

[Img #17229]

As localidades da Laracha e Paiosaco acollerán durante o sábado e o domingo a gran festa do baloncesto. Será na primeira edición do evento denominado Finde-Basket, organizado polo Club Baloncesto Laracha e as escolas deportivas municipais en estreita colaboración co Concello.

No torneo participarán, ademais, o C.B. Arteixo, Basket Coruña, A.D. Valle Inclán e Idefic (Institución Deportiva de Estudantes da Facultade de Informática da Coruña).

O evento foi presentado onte al mediodía no Salón de Plenos do Concello da Laracha. O coordinador do C.B. Laracha, Jesús Graña, afirmou que se agarda a presenza de 300 xogadores de idades comprendidas entre os 5 e os 25 anos, xa que se contará coa participación de equipos das categorías premini, alevín mixto, infantil (masculino e femino), junior (tamén masculino e feminino) e senior masculino.

A actividade comezará o sábado a partir das 10.00 horas. Na primeira xornada os partidos disputaranse exclusivamente no pavillón municipal da Laracha e participarán todas as categorías de base.

O domingo a xornada tamén comezará á mesma hora, tanto na Laracha como no pavillón polideportivo do CEIP Alfredo Brañas de Paiosaco. Neste momento será o turno para a disputa dos encontros das categorías junior e senior.

Para Jesús Graña, o I Finde-Basket será “un premio ao traballo que durante todo o ano realizaron os xogadores do C.B. Laracha e das escolas deportivas municipais”. Contarase durante as dúas xornadas con catro monitores titulados e xogaranse partidos continuamente porque “queremos que os nenos disfruten e non paren en ningún momento”.

O Alcalde do Concello da Laracha, José Manuel López Varela, lembrou que este é o segundo torneo de baloncesto que se realiza no municipio nos últimos meses tralo I memorial José Antonio Vega que se desenvolveu durante o Nadal.

López Varela mostrou o apoio do Concello a este tipo de iniciativas, desexando que o Finde-Basket se converta nun futuro “nun evento de referencia do baloncesto a nivel provincial”. O rexedor municipal expresou o seu “total apoio” á promoción da práctica de actividades deportivas e a disposición do Concello a ceder as instalacións municipais para albergar estes eventos.

Neste sentido, o Alcalde indicou a importancia de que “as escolas deportivas municipais poidan vincularse aos centros escolares” para, entre todos os sectores implicados, abrir a participación a toda as persoas “sobre todo ás mulleres”, xa que noutros deportes de competición a presenza feminina é mínima.

Jesús Graña apuntou que recentemente foi presentado polas escolas deportivas municipais un programa de achegamento do baloncesto aos nenos no CEIP Ramón Otero Pedrayo, que consta de charlas informativas e exhibicións. Para el, o baloncesto é “unha boa saída deportiva para todos, en especial para as nenas” e lembrou que durante o mes de xullo se vai celebrar unha nova edición do campus de baloncesto no marco do programa de actividades de verán que organizará o Concello da Laracha.

¡Deje su comentario!
El Noticiero de Arteixo • Términos de usoPolítica de PrivacidadMapa del sitio
© 2013 • Todos los derechos reservados.
POWERED BY FOLIOePRESS