O Alcalde destacou, na sesión ordinaria do Pleno, a boa saúde económica do Concello. Afirmou que, a día de hoxe, disponse dunha liquidez de 500.000 euros...
José
Manuel López Varela, Alcalde do Concello da Laracha, informou onte á
Corporación Municipal da Laracha na sesión ordinaria do Pleno que o
Concello ten abonadas “todas as facturas que entraron ata o venres
da semana pasada”. O rexedor municipal aproveitou o primeiro punto
da orde do día –dar conta do informe de tesourería e intervención
en aplicación da modificación da lei de medidas de loita contra a
morosidade- para lembrar que A Laracha “non tivo que acollerse ao
plan de axuste promovido polo Goberno do Estado” e apuntar o dato
de que “o Concello conta a día de hoxe cun líquido de 500.000
euros” para afrontar pagamentos.
López Varela considera que esta situación é o resultado da boa xestión económica desenvolvida polo goberno local durante os últimos anos, cualificándoa como “un exemplo para moitos municipios de Galicia” e que permitiu que A Laracha “non teña facturas pendentes e que as obras rematadas estean todas liquidadas”.
Programa de servizos sociais comunitarios de Galicia
Tal e como é habitual no Concello da Laracha, deuse conta á Corporación do acordo da Xunta de Goberno Local relativo á solicitude de participación no programa de prestación e financiamento dos servizos sociais comunitarios convocado pola Consellería de Traballo e Benestar (Decreto 99/2012 do 16 de marzo).
O proxecto, elaborado pola Concellería de Servizos Sociais da Laracha baixo a dirección da edil Rocío López, está valorado nun total de 637.000 euros. Solicitouse á Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia o financiamento do 56% desta cifra, correspondendo ao Concello da Laracha asumir con fondos propios municipais, como mínimo, a cantidade restante, isto é, 280.000 euros.
Por unha parte, contémplanse o financiamento dos custos derivados do mantemento en plantilla un ano máis de parte do persoal adscrito ao departamento de servizos sociais.
Tamén se inclúe neste plan a prestación do servizo de axuda no fogar, así como a xestión de programas específicos que desenvolve directamente o Concello, como o de apoio a colectivos con necesidades especiais, prevención e inclusión social e o apoio á convivencia, todos eles dirixidos a mellorar a calidade de vida dos veciños da Laracha –especialmente da terceira idade- e a evitar malos hábitos e condutas antisociais –prioritariamente entre os escolares-.
Ordenanza reguladora do prezo público por actividades culturais e deportivas
Na sesión plenaria acordouse a aprobación, con carácter inicial, da ordenanza reguladora do prezo público por participación nas actividades culturais e deportivas que se organizan desde o Concello da Laracha.
A gratuidade para os usuarios sempre foi unha característica na programación municipal. A partir de agora cobrarase un “prezo simbólico” para poder manter o volume de actividades, a calidade das mesmas e “ordenar e regular a programación”. Para o Alcalde, “non se trata de rebaixar a cantidade de cursos nin de afán recadatorio” senón que se tomou esta decisión para que “a xente sexa máis responsable á hora de asistir aos cursos”, xa que se deron casos de persoas que se matriculan e abandonan a actividade aos poucos días.
Os prezos serán fixados pola Xunta de Goberno Local, que terá en conta para cada caso os custos e a duración das diferentes actividades.
Servizo de axuda no fogar
Co obxecto de adaptarse ao Decreto 99/2012, de 16 de marzo, da Consellería de Traballo e Benestar polo que se regulan os servizos sociais comunitarios e o seu financiamento, na sesión plenaria foron sometidos a votación tres puntos relativos ao servizo de axuda no fogar consistentes na aprobación inicial da ordenanza fiscal reguladora da súa taxa, o regulamento municipal para a prestación do servizo e o expediente de contratación da xestión do mesmo.
O Alcalde apuntou que “a aportación dos beneficiarios do servizo quedará no punto intermedio que o decreto permite”, xa que iso é o que aplicará o Concello. López Varela considera, ademais, que as persoas que teñan recursos máis baixos pagarán menos –ou incluso, nada- polo servizo de axuda no fogar, pero que aquelas persoas “con capacidade económica, deben facer un esforzo e colaborar”. A achega municipal para a prestación deste servizo sitúase preto dos 300.000 euros anuais.
A tabla das aportacións segundo a capacidade económica dos usuarios queda establecida do seguinte xeito:
|
Capacidade económica do usuario |
Porcentaxe de aportación sobre o custo do servizo |
|
Menor do 0,80 do IPREM |
0 |
|
Maior do 0,80 do IPREM e menor ou igual a 1,50 IPREM |
20% |
|
Maior de 1,50 e menor ou igual a 2 IPREM |
35% |
|
Maior de 2 e menor ou igual a 2,5 IPREM |
55% |
|
Maior de 2,5 |
75% |
Por tanto a aportación por parte dos beneficiarios será proporcional á capacidade económica dos mesmos, sendo a custo cero para as persoas con baixos recursos e unha cantidade simbólica a achega que deberán realizar as persoas que se que non superen o dobre do IPREM.