Martes, 29 mayo 2012

Nota de prensa do PSOE

Enviar por email

Ó Pleno do concello de Arteixo...

MOCION

Exposición de motivos
O Goberno de España anunciou, unha vez aprobados os orzamentos do ano 2012, un recorte adicional de 10.000 millóns de euros, centrado en sanidade e educación, ao tempo que a prima de risco se disparaba. Corresponde ao gasto educativo, responsabilidade das comunidades autónomas, un 30% desa cifra total, é dicir, 3.000 millóns de euros que logo debe ser desagregada por territorios. A Galicia tocaralle unha parte, aínda sen determinar con exactitude por parte do Goberno de Núñez Feijóo.

As medidas previstas polo Real Decreto-Lei 14/2012, son nocivas para o sistema educativo, pero desde o PSdG-PSOE dicimos algo máis: que esta política non é a única posible.

De acordo co Plan de Estabilidade 2012-2015 que remitiu o goberno Rajoy a Bruxelas, o gasto público do conxunto das administracións reducirase nun 19% ate o 2015, para situarse nun 37% do PIB. A converxencia coa Europa adiantada esixe facer xusto o contrario do que se propón: reforzar a base impositiva do Estado, con tributos de ampla base e progresivos, para soster uns servizos públicos universais e eficaces que reforcen a nosa competitividade.

O RD Lei citado establece:

  • A posibilidade para as CCAA de elevar un 20% o número de alumnos por aula (o que elevará o número en primaria de 25 a 30; en secundaria de 30 a 36, e en Bacharelato e educacións especiais de 35 a 42 alumnos por aula), mentres a taxa de reposición de efectivos sexa inferior ao 50%, e todo iso sen ter en conta ao alumnado repetidor o que fai que na práctica as aulas de Primaria superen os 30 alumnos, as de Secundaria os 36 e as de Bacharelato os 42, masificando de forma moi grave as aulas nos centros educativos.
  • A elevación das horas lectivas para os profesores por riba das obrigas actuais, fixándose un mínimo de 25 horas en primaria e de 20 en secundaria.
  • A cobertura das baixas dos docentes sen recorrer a persoal adicional polos propios centros se son de menos de dez días laborais, ou sexa, dúas semanas enteiras, o que na práctica se traduce en que terán que ser os outros profesores dos centros os que se fagan cargo dos alumnos e, normalmente, en que non terán esas horas de clase. Esa era unha medida que xa impulsara a Xunta de Galicia.
  • A eliminación transitoria de complementos retributivos ou retribucións variables.
  • A reducción da obriga legal de ofertar polo menos dúas modalidades de bacharelatos nos centros, o que terá consecuencias negativas en todas as áreas, pero mais acentuadamente no rural. O que suporía unha reorganización moi marcada de moitos centros, facendo desaparecer algúns departamentos, recolocando a moito profesorado e, seguramente, facer innecesario a algún e afectando ás decisións das familias que verán como se aloxan as opcións de bacharelato. E inclusive, supoñendo unha reducción do nivel pedagóxico dos centros.
  • O aprazamento da actualización de módulos de ciclos formativos da FP ao curso 2014-2015 desde o 2012-2013. Aquí, de acordo con noticias de prensa, o Conselleiro xa anunciou que suspende a implantación de novos ciclos.
  • O incremento das taxas universitarias, superando nalgúns casos o 50% de incremento que conxuntamente co recorte das bolsas ao estudio e primando outros criterios para a súa concesión que non son os económicos, van facer que á universidade so vaian a estudiar os ricos, cortándolle esa posibilidade ao resto da poboación.

Criterio unánime de expertos, asociacións de pais e sindicatos é que estas medidas afectarán negativamente á calidade do ensino, contribuirán de forma decisiva ao despoboamento do rural ao eliminar os centros educativos actualmente existentes.

Así mesmo, favorecerán de forma clara e contundente ao ensino privado fronte á escola pública, ao tempo que se crea unha educación para ricos e outra para pobres, voltando así a situacións vividas na época predemocrática e que pensabamos que xamais voltarían.

Estas medidas provocarán unha reducción notable do número de profesores, afectando en primeira instancia aos interinos e substitutos pero tamén posibilitando a non cobertura das baixas por xubilación que, no seu efecto acumulado en un horizonte medio, pode chegar a situarse no 20-30% do total (de feito, o gasto educativo no 2015 será un 21% inferior---)

A masificación das aulas e o incremento das esixencias ao profesorado terán consecuencias sobre o nivel dos alumnos. A non cobertura de baixas, sumándose á asunción do custe das mesmas na maioría dos casos polos propios profesores, provoca un aforro adicional e un deterioro agudizado da docencia. Os alumnos deberán adicionalmente enfrontarse a unha oferta educativa adelgazada.

E os problemas de fondo do sistema educativo non se enfrontan, con estas medidas: nin a porcentaxe demasiado elevada de fracaso escolar nin as deficiencias da FP, por exemplo. Polo contrario, cabe agardar unha intensificación dos problemas

Por tódolo anteriormente exposto, propoño ó pleno desta Corporación a adopción do seguinte,

ACORDO:
O Pleno do Concello, remitirá un escrito aos Presidentes do Gobernos de España e de Galicia para que se derrogue o Real Decreto-Lei 14/2012 de 20 de abril, de medidas urxentes de racionalización del gasto público no ámbito educativo.

¡Deje su comentario!
El Noticiero de Arteixo • Términos de usoPolítica de PrivacidadMapa del sitio
© 2013 • Todos los derechos reservados.
POWERED BY FOLIOePRESS