Martes, 15 mayo 2012

A Xunta de goberno solicitar subvención para mellorar os accesos ao parque empresarial

Enviar por email

Con cargo á convocatoria da Consellería de Industria e Comercio. Tamén se pedirá a colaboración económica da Xunta de Galicia para cofinanciar a mellora do entorno do cruceiro de Lestón. A creación dunha web de contidos de promoción turística é outro dos proxectos do equipo de goberno...

A Xunta de Goberno Local do Concello da Laracha, reunida en sesión ordinaria hoxe luns, acordou solicitar unha subvención á Consellería de Industria e Comercio con cargo á convocatoria de axudas para a habilitación e mellora de infraestruturas dos parques empresariais de Galicia, que é cofinanciado polo Plan FEDER Galicia 2007-2013.

O Concello da Laracha pretende participar nesta convocatoria de subvencións co obxecto de obter parte do financiamento económico necesario para a execución do proxecto de pavimentación e mellora dos accesos ao parque empresarial desde a AC-552.

O proxecto está valorado nunha cantidade moi próxima aos 150.000 euros e contempla a ampliación da superficie da calzada e a nova pavimentación da estrada que parte da Braña Grande e discorre polos núcleos da Lagarteira e da Xesteira ata chegar ao ámbito do polígono industrial. En total, a actuación afectaría a 2.640 metros lineais desta vía.

Proxectos dinamizadores de áreas rurais
Así mesmo, a Xunta de Goberno autorizou ao goberno local solicitar a participación na convocatoria de axudas da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural dirixida á realización de proxectos dinamizadores de áreas rurais, que se cofinanciará a través do fondo europeo agrícola de desenvolvemento rural FEADER no marco do PDR Galicia 2007-2013.

Neste caso, a actuación que presenta o Concello da Laracha consiste no acondicionamento do entorno do cruceiro situado no lugar das Rañeiras (parroquia de Lestón). A prioridade deste proxecto é protexer do tráfico rodado este elemento do patrimonio histórico municipal, e a obra que se propón consiste en crear unha zona verde e axardinada, equipada con mobiliario urbano e xogos infantís, xunto ao propio cruceiro. O tráfico cara a estrada AC-552 será desviado uns metros, contemplándose tamén a renovación do pavimento para facilitar o tránsito dos vehículos.

Así, ao mesmo tempo que se mellora a seguridade e a estética nesta zona, sería creado un novo punto de encontro para os veciños nas inmediacións do centro sociocultural das Rañeiras, situado precisamente xunto ao propio cruceiro.

¡Deje su comentario!
El Noticiero de Arteixo • Términos de usoPolítica de PrivacidadMapa del sitio
© 2013 • Todos los derechos reservados.
POWERED BY FOLIOePRESS