Viernes, 11 mayo 2012

Asinada a modificación do contrato da prestación do servizo de depuración de auga

Enviar por email

Inclúense a xestión e mantemento das depuradoras, estacións de bombeos e redes canalizadas construídas nos últimos anos. A nova retribución por cada metro cúbico de sumidoiros e depuración é de 0,304305 euros. O aumento do gasto nesta anualidade será financiado co remanente de tesourería que deixou o exercicio económico 2011.

[Img #16721]José Manuel López Varela, Alcalde da Laracha, e Luis Morón Soto, Director de Zona e representante da empresa Aquagest, Promoción Técnica e Financeira de Abastecementos de Auga S.A., asinaron onte no Concello a modificación do contrato de xestión do servizo público de saneamento e depuración de augas residuais.

O novo texto do contrato establece que a empresa prestadora do servizo farase cargo da xestión e do mantemento das novas infraestruturas, sendo compensada por parte do Concello da Laracha cunha nova retribución por cada metro cúbico de sumidoiros e depuración, que pasa a ser de 0,304305 euros, posibilitando manter o equilibrio económico da concesión.

En concreto, a xestión e mantemento das novas depuradoras que se incluirán no contrato son as de Marfulo (parroquia de Vilaño), San Cristovo (Golmar), O Toural (Soandres), A Pena (Montemaior) e O Chamusco e A Braña Grande (Cabovilaño).

Como novas estacións de bombeo están as de O Toural e Villamir (Soandres), A Rabadeira, O Rapadoiro, O Coto, Os Muíños e Coirón (Coiro), Leborís (Torás), Campo da Costa e dúas en Campo da Porta (Caión), O Igrexario de Lendo, A Beria (Golmar), O Formigueiro, Marfulo e A Viña (Vilaño), O Igrexario e a Rabadeira (Lestón) e A Baiuca (Montemaior).

A isto deben engadirse os quilómetros de novas tubaxes que foron construídos durante os últimos anos no termo municipal, nunha forte aposta do goberno local por levar estas redes a cada vez máis zonas rurais, mellorando notablemente os servizos nas parroquias e favorecendo o respecto ao medio ambiente.

A previsión de  aumento anual do gasto para as arcas municipais sitúase nos 127.000 euros, que neste exercicio económico, tal e como foi aprobado no Pleno ordinario do mes de marzo, serán financiados co remanente de tesourería que deixou a liquidación da conta do 2011.

Desde o Concello da Laracha lembramos aos veciños de todas as zonas rurais que dispoñan do servizo de sumidoiros a conveniencia de conectar as súas vivendas coas redes existentes ao estar terminantemente prohibido que se produza calquera tipo de verquido de augas residuais ao medio ambiente, incluídas as utilizadas polos electrodomésticos (lavadoras, lavavaixelas, etc.). Para realizar as oportunas acometidas, deben solicitalo nas oficinas centrais do Concello.

¡Deje su comentario!
El Noticiero de Arteixo • Términos de usoPolítica de PrivacidadMapa del sitio
© 2013 • Todos los derechos reservados.
POWERED BY FOLIOePRESS