Domingo, 6 mayo 2012

O Concello organiza unha sesión informativa sobre a nova lei de comercio interior de Galicia

Enviar por email

O día 23 de maio ás 21.00 horas na Casa da Cultura da Laracha. Será impartida pola Directora Xeral de Comercio da Xunta de Galicia. Falarase tamén de temas relacionados co consumo...

O Concello da Laracha organiza a sesión informativa sobre a nova Lei do Comercio Interior de Galicia que terá lugar o próximo mércores día 23 de maio a partir das 21.00 horas na Casa da Cultura da capital municipal.

A charla será impartida por Nava Castro, Directora Xeral de Comercio da Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia.

A Lei do Comercio Interior de Galicia vixente foi aprobada a finais do ano 2010 co propósito de adaptar a lexislación aos novos tempos e ás necesidades concretas do sector, modernizándose e adecuándose o texto aos diferentes formatos de comercio existentes na actualidade.

Esta lei, cuxo principio reitor é o fomento do asociacionismo, diferencia claramente modalidades de venda como as rebaixas, descontos, venda con obsequio, saldos, liquidacións, outlets e feiras de oportunidades. Na sesión informativa serán expostos os requisitos que debe cumprir cada un destes formatos.

Ademais, a ponente tamén tocará na súa intervención temas relacionados co consumo e aclarará as dúbidas que poidan presentarse. Por este motivo, aínda que o evento vai especialmente dirixido aos titulares de calquera tipo de comercio ou servizo a nivel local, a asistencia abrirase ao público en xeral.

Desde o Concello da Laracha organízase a sesión co propósito esencial de informar aos comerciantes locais sobre o contido da nova lei e explicarlles polo miúdo as diferentes maneiras de venda que existen, ofrecéndolles novas posibilidades para renovar e modernizar o seu negocio particular.

A potenciación do comercio a nivel local é un dos principais eixos vertebradores do plan de promoción económica que está a desenvolver o goberno municipal da Laracha, no que o inicio da actividade no parque empresarial tamén terá un papel fundamental.

¡Deje su comentario!
El Noticiero de Arteixo • Términos de usoPolítica de PrivacidadMapa del sitio
© 2013 • Todos los derechos reservados.
POWERED BY FOLIOePRESS