A obra da Casa da Cultura será ás 18.00 horas e organízase para conmemorar o Día do Libro. O espectáculo de Paiosaco, ás 21.00 horas, pechará o ciclo “Vente a ver teatro”. En ambos casos a entrada será libre e gratuíta...
O teatro será o gran protagonista no Concello da Laracha durante a tarde do venres. A Casa da Cultura da capital municipal e tamén o centro sociocultural de Paiosaco acollerán dous espectáculos organizados pola Concellería de Ensino e Cultura e dirixidos a todos os públicos cos que se conmemorará o Día do Libro e se porá punto e final ao ciclo “Vente a ver teatro” deste ano 2012.
En ambos casos a asistencia é gratuíta para os veciños da Laracha.
Casa da Cultura da Laracha, 18.00 horas. Contos de lobo, de Ghazafelhos
A primeira das dúas obras teatrais terá lugar na Casa da Cultura da Laracha a partir das 18.00 horas. Trátase do espectáculo da compañía Ghazafelhos titulado Contos de lobo.
Os protagonistas son dous personaxes totalmente atípicos que contarán dun xeito moi peculiar contos e historias nas que interveñen lobos.
Esta proposta cultural e educativa é realizada en conmemoración do Día do Libro e ten por finalidade potenciar e fomentar a lectura, especialmente entre os nenos, sendo unha actividade complementaria á que o Concello da Laracha xa realiza durante todo o ano na aula lúdica municipal, que inclúe sesións semanais de contacontos. Dito programa foi galardoado en varias ocasións co premio María Moliner que concede o Ministerio de Cultura.
Centro sociocultural de Paiosaco, 21.00 horas. Ladrón e familia, de Teatro do Astracán.
O ciclo “Vente a ver teatro”, organizado por segundo ano pola Concellería de Cultura no auditorio do centro sociocultural de Paiosaco co propósito de atraer á localidade este tipo de espectáculos, pecharase o venres coa terceira e última función: a comedia Ladrón e familia de Teatro do Astracán.
Esta compañía de recente creación presentará na Laracha o seu primeiro espectáculo, que é unha adaptación da obra Non hai ladrón que por ben non veña do dramaturgo italiano Darío Fo –Premio Nobel de Literatura en 1997-.
Ladrón e familia é unha obra cómica baseado nos conflitos que se desenvolven na casa dun matrimonio acomodado cando se atopan cun ladrón un chisco torpe no salón da súa casa. Maridos, mulleres, as súas amantes, ciumes e malentendidos son os ingredientes deste menú de enredo no que nada é o que semella.
Os aloucados personaxes foron creados polo televisivo Evaristo Calvo (Pratos Combinados, Air Galicia, Padre Casares, …), que participa na obra como asesor de dirección e director de interpretación.