Promovido pola Deputación Provincial da Coruña e entidades locais de Polonia, Italia, Croacia e Suecia. Os participantes recibirán a formación para planificar conxuntamente proxectos e crear unha plataforma de contactos entre diferentes niveis institucionais. O primeiro seminario desenvolverase en Poznan (Polonia) entre o martes e o xoves...
O Concello da Laracha será un dos seis municipios da provincia da Coruña que participarán no Planet Project, un programa internacional formativo sobre estratexias de desenvolvemento local que promoven a Deputación Provincial da Coruña, SERN (Italia), Association of Municipalities of Norrbotten (Suecia), Association of Polish Cities (Polonia) y ALD Verteneglio (Croacia).
Este programa nace co obxectivo de mellorar as habilidades das entidades locais no desenvolvemento eficaz de proxectos de redes telemáticas. Formarase a un total de 35 funcionarios (un deles, do Concello da Laracha) dos cinco países participantes, que adquirirán a experiencia e coñecementos precisos para planificar conxuntamente os proxectos, creando ao mesmo tempo unha plataforma para fomentar os intercambios e contactos entre diferentes niveis institucionais.
En concreto, o Concello da Laracha participará na temática denominada “estratexias de desenvolvemento local a nivel rural”, centrándose en aspectos relacionados, por exemplo, coa promoción do turismo, así como dos sectores da agricultura e gandeiría.
Planet Project aborda estas cuestións mediante a realización de tres seminarios formativos que se celebrarán en Poznan (Polonia), Rimini (Italia) e na Coruña.
O seminario inicial terá lugar entre o martes e o xoves desta semana en Poznan. Esta xuntanza ten por obxectivo realizar unha primeira toma de contacto entre os participantes e identificar os temas específicos de interese común entre os diferentes municipios
O segundo desenvolverase en Rimini entre o 19 e o 22 de marzo e o terceiro e último encontro terá lugar na Coruña do 5 ao 7 de xuño. Os resultados dos proxectos realizados presentaranse durante o mes de outubro en Bruselas.