O asunto foi tratado hoxe en Comisión Informativa. O convenio coa Deputación da Coruña permitiría o uso compartido da sede electrónica. Posibilitarase a comunicación telemática entre o cidadán e a administración...
Por iniciativa do grupo de goberno, no Pleno extraordinario que se celebrará o xoves da próxima semana (23 de febreiro a partir das 13.30 horas) proporase a aprobación do acordo coa Deputación Provincial da Coruña para a creación da sede electrónica do Concello da Laracha e a delegación da súa xestión e administración, asunto que foi tratado hoxe na correspondente Comisión Informativa de Réxime Interior, Persoal, Medio Ambiente, Servizos Municipais e Outros Asuntos do Pleno.
O convenio establece a creación da sede electrónica de titularidade municipal, que á súa vez se configurará como unha subsede electrónica da Deputación Provincial da Coruña e que estará accesible á cidadanía, ofrecendo á veciñanza a posibilidade de poder comunicarse coa administración de xeito telemático.
A utilización compartida da sede electrónica por parte do Concello da Laracha e da Deputación da Coruña permitirá xestionar servizos relacionados coa cidadanía que competen á administración local.
O acordo tería unha duración de catro anos, comprometendo ao Concello a manter permanentemente actualizados os contidos municipais específicos da sede electrónica con plena aplicación das normas que se rexen para ela, e á Deputación, a achegar a infraestrutura técnica organizativa necesaria para a execución do convenio, actualizar tecnoloxicamente os sistemas e proporcionar a formación e asesoramento preciso aos responsables designados polo Concello para o mantemento permanente dos contidos específicos.