O Concello solicitará incluír na rede natura 2000 as ribeiras dos ríos que discorren polo termo municipal...
A Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia vén de presentar a súa proposta de ampliación da Rede Natura 2000, a máis importante rede ecolóxica de áreas de conservación da biodiversidade na Unión Europea.
Neste documento inclúese unha ampliación de 44,5 hectáreas (ha) de zona protexida na parroquia de Caión, en concreto na área que abrangue o Monte do Saldoiro, isto é, desde a zona da praia ata o límite co municipio de Carballo. O novo ámbito, unido ás 83,1 ha existentes na rede actual, sumarán un total de 127,2 ha de terreo que abarcará a Rede Natura 2000 no borde litoral de Caión, coincidindo na súa práctica totalidade co terreo cualificado no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) como zona de solo rústico de protección natural.
Co obxecto de ampliar as áreas coa máxima cualificación de protección medioambiental a nivel europeo, o Concello da Laracha presentará unha suxerencia no proxecto de ampliación da Rede Natura 2000, solicitando incluír no mesmo as ribeiras de todos os ríos que discorren polo termo municipal.
Pola súa especial vexetación autóctona e diversidade ambiental, o goberno municipal considera que merecen ter esa cualificación os case trece quilómetros de percorrido do río Anllóns polo Concello da Laracha -desde a súa cabeceira en Santa Baia, na confluencia dos ríos procedentes dos lugares de Insuaboa e Mantiñán-, ademais dos seus afluentes –Vilán (parroquias de Torás, Cabovilaño, Lemaio e Lendo), Acheiro (Golmar, Soutullo e Vilaño) e río da Fraga (Erboedo, Coiro e Lestón)-, e así como o río Bradoso (que discorre por Montemaior).
A proposta que presentará o Concello da Laracha refírese ás ribeiras dos ríos nas zonas situadas fóra de áreas de poboación, polo que non suporá modificación algunha a efectos urbanísticos en terreos integrados en núcleos rurais.
Ditas áreas que o goberno municipal proporá incluír na Rede Natura 2000 xa contan actualmente coa cualificación no PXOM como solo rústico de protección natural. Non obstante, preséntase esta solicitude para que reciban o máximo recoñecemento ambiental a nivel europeo e poidan optar a convocatorias de axudas públicas para financiar proxectos relacionados coa protección da diversidade animal e vexetal nestes ámbitos.
O Concello da Laracha, consciente da riqueza medioambiental existente nas ribeiras dos ríos, acometeu durante os últimos anos importantes actuacións nas zonas que agora pretende incluír na Rede Natura 2000, tales como a creación da área recreativa de Gabenlle, os paseos fluviais dos ríos Anllóns e Vilán e, máis recentemente, o acondicionamento dunha zona de gran riqueza vexetal autóctona situada na ribeira do río Vilán e integrada a día de hoxe como área verde de especial protección no ámbito do parque empresarial.