A subvención municipal é de 2.000 euros anuais. A entidade benéfica reparte alimentos mensualmente a 16 familias do municipio con baixos recursos económicos. Tamén se están desenvolvendo campañas de recollida de roupa e reciclaxe solidaria de tapóns de plástico coa implicación da veciñanza en xeral...
José Manuel López Varela, Alcalde da Laracha, e Rocío López, concelleira da área de Servizos Sociais, asinaron onte a renovación do convenio de colaboración entre o Concello e a Fundación Amigos de Galicia, que estivo representada polo seu Director Xeral, Jesús Busto.
A Fundación Amigos de Galicia constituíuse no ano 1987 cos obxectivos fundamentais de axudar aos colectivos mais necesitados de Galicia e promocionar a cultura e o turismo da nosa Comunidade Autónoma.
O convenio asinado hoxe, que ten unha duración dun ano e dá continuidade ao rubricado en abril de 2011, establece que o Concello subvencionará a distribución de alimentos e outros produtos de primeira necesidade a familias con baixos recursos económicos que realizará a Fundación Amigos de Galicia no termo municipal da Laracha. A achega municipal ascende aos 2.000 euros.
16 familias beneficiarias no Concello da Laracha
No Concello da Laracha son actualmente 16 familias (62 persoas, das cales 30 son menores de idade) as beneficiarias das campañas mensuais de distribución de alimentos básicos que se realizan no marco deste convenio de colaboración. Ademais, durante o Nadal os nenos desas familias recibiron xoguetes, libros e material didáctico.
Recollida de roupa usada e reciclaxe solidaria de tapóns de plástico
A cooperación entre ambas entidades permitiu poñer en marcha outras iniciativas solidarias nas que a poboación en xeral da Laracha está respondendo e involucrándose desde hai varios meses.
A campaña de recollida de roupa usada, que posteriormente é seleccionada e repartida entre familias de toda Galicia con baixos recursos económicos, esta sendo un rotundo éxito.
Os lugares nos que as persoas que o desexen poden deixar a roupa de vestir ou de cama da que queiran desfacerse son o novo edificio administrativo (en horario de 9 a 14 horas) e o edificio de servizos múltiples (de 11 a 13 horas pola mañá e de 15.30 a 20 pola tarde).
Por outra parte, tamén segue en marcha a iniciativa da reciclaxe solidaria de tapóns de plástico para axudar a costear a operación de Aitana, unha nena de nove anos de Tarazona que naceu cunha cardiopatía conxénita. Xunto á entrada da Casa do Concello e noutros edificios municipais foron colocadas caixas nas que poden depositarse os tapóns.