A estimación do gasto que suporá para as arcas municipais ascende aos 11.200 euros anuais. Permitirá potenciar o uso do transporte público cunha importante redución no prezo do billete. Suporá un importante beneficio para as economías familiares...
O grupo de goberno do Concello da Laracha proporá ao Pleno, na próxima sesión ordinaria, a adhesión do municipio ao Plan de Transporte Metropolitano de Galicia, impulsado desde a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.
A decisión tomouse despois de celebrarse reunións de traballo entre o Alcalde, José Manuel López Varela, e o Director Xeral de Mobilidade, Miguel Rodríguez Bugarín, co propósito de analizar esta cuestión e coñecer ambas partes as vantaxes que suporía para os usuarios e o custo económico para ambas administracións.
Estímase que a adhesión ao Plan de Transporte Metropolitano de Galicia suporá un desembolso anual para as arcas municipais de 11.200 euros, que se investirán co obxectivo de mellorar a mobilidade e accesibilidade entre os municipios integrados neste programa e tamén en viaxes no interior do propio concello, potenciando o uso do transporte público por medio da redución de ata un 50% nas tarifas dos billetes, a posibilidade de transbordos gratuítos nos autobuses urbanos da Coruña e, entre outras medidas, unha rebaixa adicional do 15% no caso realizarse 40 viaxes ao mes.
O Concello da Laracha, unha vez completada a tramitación administrativa, será o primeiro municipio da comarca de Bergantiños en adherise ao Plan de Transporte Metropolitano de Galicia. Actualmente forman parte da área da Coruña, ademais dese mesmo municipio, os de Abegondo, Arteixo, Bergondo, Betanzos, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada.
O Concello aposta coa súa adhesión ao Plan de Transporte Metropolitano por potenciar e fomentar o uso do transporte público entre os veciños e tamén entre as persoas doutras localidades que desexan desprazarse ao termo municipal da Laracha na procura de dous obxectivos diferentes, pero complementarios: beneficiar ás economías familiares aplicando reducións directas no prezo dos billetes e respectar ao medio ambiente, dado que se reducirán o número de traxectos realizados en vehículos privados.