Concretamente, para o mantemento do CIM, ampliación de actividades na aula lúdica e realización de obradoiros nos centros educativos A axuda solicítase trala autorización da Xunta de Goberno Local celebrada onte.Tamén foron aprobadas facturas e unha certificación de obra por un importe total duns 100.000 euros...
A Xunta de Goberno Local, na súa sesión ordinaria celebrada hoxe, autorizou solicitar a participación do Concello da Laracha na convocatoria de axudas da Secretaría de Igualdade da Consellería de Presidencia da Xunta de Galicia para a promoción da igualdade entre homes e mulleres.
Dita convocatoria ten tres liñas de subvención. Na relativa ao apoio ao Centro de Información á Muller (CIM), o Concello da Laracha solicita a colaboración económica para o mantemento desta oficina e do persoal adscrito á mesma por un ano máis.
No CIM –dependente da Concellería de servizos sociais e muller- ofrécese un servizo gratuíto para atender as demandas e necesidades das mulleres do Concello de forma individualizada e confidencial, que proporciona con carácter permanente asesoramento e atención xurídica, psicolóxica e asistencial específica para mulleres vítimas de violencia de xénero, así como información en materia de recursos e orientación profesional. Tamén se organizan diversas actividades e obradoiros de prevención ao longo de todo o ano, especialmente nos centros educativos.
En canto á liña de fomento da conciliación, a axuda solicitada iría destinada á ampliación do programa Harmoniza, a través do que está en funcionamento durante todo o ano a aula lúdica municipal, servizo gratuíto no que se ofrece aos pais a posibilidade de deixar atendidos aos seus nenos, de entre 3 e 12 anos de idade e fóra do horario escolar, por mestras especializadas en educación infantil. A proposta do Concello é organizar obradoiros de corresponsabilidade (educación en igualdade) nos que participarían os usuarios deste programa Harmoniza.
Por último, no apartado de promoción da igualdade e o tratamento integral da violencia de xénero, o Concello da Laracha presentou á Consellería de Presidencia un proxecto no que se propón a realización de actividades e obradoiros de prevención da violencia de xénero co alumnado de educación primaria e tamén con familias.
Certificacións de obras e facturas
O grupo de goberno tamén acordou nesta xuntanza aprobar a liquidación da obra de ampliación da estrada Paiosaco-Maseo e autorizou dar ordes de pago de facturas entre as que cabe salientar o tratamento de residuos sólidos urbanos na planta de Sogama e a prestación do servizo de axuda a domicilio –en ambos casos correspondentes ao mes de xaneiro, así como actuacións de mantemento na rede viaria municipal.
O importe conxunto da certificación de obra e das facturas aprobadas sitúase en torno aos 100.000 euros.
Licencias urbanísticas
Por último, concedéronse dúas licencias para obras maiores.