Martes, 7 febrero 2012

O prazo para solicitar a declararación de vivendas en situación legal de fóra de ordenación remata o 20 de abril

Enviar por email

O trámite permite acceder ao Rexistro da Propiedade e incorporar os bens ao patrimonio do seu titular. Dirixido exclusivamente a construcións rematadas antes do 1 de xaneiro de 2003. O Concello da Laracha desenvolveu unha campaña informativa para dar a coñecer esta posibilidade aos veciños...

O Concello da Laracha lembra aos titulares de vivendas e usos cuxa construción rematase antes do 1 de xaneiro de 2003 e que actualmente estean sen licenza, que poden solicitar a súa declaración en situación legal de fóra de ordenación total, o que lles permitirá acceder ao Rexistro da Propiedade e incorporalas ao seu patrimonio.

Esta posibilidade permítea a Disposición Transitoria Terceira da Lei 2/2010, do 25 de marzo, de Medidas Urxentes de Modificación da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de Ordenación Urbanística e Protección do Medio Rural de Galicia. O prazo para poder solicitar a declaración de situación legal de fóra de ordenación remata o próximo día 20 de abril.

O Concello da Laracha insta aos propietarios interesados en solicitar a declaración de incursión na situación legal fóra de ordenación a axilizar a consecución da documentación requirida, consistente en:

  • Proba da existencia e antigüidade das edificacións e construcións, así como da finalización das obras, con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2003, achegando tamén o documento acreditativo da titularidade da parcela e certificación descritiva e gráfica catastral da parcela e do inmoble.
  • Proba da preexistencia dun uso continuado e ininterrompido da edificación, con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2003.
  • Plano de situación da construción ou edificación e a súa parcela sobre cartografía oficial do planeamento vixente.
  • Plano de situación da edificación dentro da parcela, indicando os recuamentos, lindes, accesos, superficie ocupada e, se é o caso, servizos urbanísticos e aliñacións.
  • Planos de planta, alzados e seccións.
  • Memoria descritiva da edificación, uso, número de andares, altura e cadro de superficies construídas, incluíndo unha reportaxe fotográfica da parcela e das edificacións ou construcións, en que se poidan apreciar as características volumétricas, tipolóxicas e os acabamentos.
  • Certificación técnica de solidez e seguridade (que deberá ser emitida polo técnico competente, segundo corresponda, de entre os referidos no artigo 10 da Lei 38/1999, do 5 de novembro, de ordenación da edificación).
  • Pago das taxas correspondentes.


A declaración da edificación en situación legal de fóra de ordenación total supón para o seu titular que soamente poderá realizar nela obras de mera conservación e as necesarias para o mantemento do uso preexistente. O trámite poderá facerse sempre e cando a administración no teña adoptado ningunha medida sobre as edificacións dirixida á restauración da legalidade urbanística ou medioambiental.

O Concello da Laracha desenvolveu unha campaña informativa no termo municipal para dar a coñecer aos veciños esta posibilidade que lles permitiría, ademais de poder incorporar os bens ao seu patrimonio, obter permisos para a realización de obras menores.

¡Deje su comentario!
El Noticiero de Arteixo • Términos de usoPolítica de PrivacidadMapa del sitio
© 2012 • Todos los derechos reservados.
POWERED BY FOLIOePRESS