Independentemente do número de postos de traballo que creen as firmas que se instalen no mesmo. A medida ten por finalidade apoiar ás pequenas e medianas empresas. Esta proposta do goberno municipal será presentada á Corporación en Comisión Informativa e elevada ao Pleno para a súa aprobación...
Tal e como afirmou José Manuel López Varela, Alcalde do Concello da Laracha, no acto oficial de inauguración do parque empresarial celebrado o pasado lunes, a captación de firmas para que se instalen na nova área industrial recentemente urbanizada centra os esforzos da actividade do goberno municipal en colaboración coa entidade promotora Suelo Empresarial del Atlántico (SEA), participada nun 85% polo Ministerio de Fomento e no 15% restante pola Xunta de Galicia.
Nesta labor de atraer investimentos privados que reactiven a economía, o comercio e o desenvolvemento urbanístico municipal -fomentando a creación dunha bolsa de emprego da que poidan beneficiarse, en gran medida, os veciños da Laracha- o goberno local impulsará a modificación da ordenanza fiscal número 17, reguladora do imposto sobre construcións, instalacións e obras (ICIO), para reforzar as vantaxes fiscais que xa se están aplicando a día de hoxe.
Actualmente a citada ordenanza establece unha bonificación no ICIO de ata un máximo do 75% dependendo do número de postos de traballo que cree a empresa. A proposta do equipo de goberno da Laracha consiste en aumentar a rebaixa no imposto situándoa no 95%, independentemente dos empregos creados, dado que deste xeito se beneficiará ás empresas de menor entidade e cuxa actividade requira da contratación dun menor número de traballadores. Esta medida afectaría, en exclusiva, ao ámbito territorial do parque empresarial da Laracha.
A proposta de modificación da ordenanza fiscal require do acordo da Corporación municipal, polo que este asunto será presentado aos grupos políticos en próximas datas nunha Comisión Informativa e, posteriormente, elevarase ao Pleno para o seu debate e, se procede, para a súa aprobación. De aplicarse esta nova medida, as empresas que constrúan novas infraestruturas na zona industrial da Laracha verán rebaixado o ICIO desde o tipo impositivo habitual do 2,5% sobre o orzamento de execución material da obra ata o 0,125%.
Outras vantaxes fiscais da Laracha
Ademais da rebaixa do ICIO que o equipo de goberno propón aplicar, no Concello da Laracha existen outras vantaxes fiscais de importancia das que poderán beneficiarse as novas empresas que decidan instalarse no parque empresarial.
En primeiro lugar, o tipo do imposto sobre bens inmobles (IBI) permanece no mínimo establecido por lei (0,4% do valor catastral no caso do urbano –o que corresponde ás naves industriais- e do 0,3% no caso do rural). Ademais, o decreto-lei do 30 de decembro de 2011 non afecta á Laracha porque a última ponencia de valores foi realizada en 2005.
Tamén o tipo fixado para o imposto de actividades económicas (IAE) está establecido no mínimo fixado por lei.
Por último, no Concello da Laracha non se aplica o imposto sobre o incremento de valor dos terreos de natureza urbana (tamén coñecido como plusvalía).