O acto central será o Concurso de Disfraces do Martes de Carnaval, data que será festivo local na Laracha. Ao tradicional Baile da Piñata do domingo únese este ano a actuación de pallasos e a festa de animación don luns. A Asociación de Comercio, Servicios e Industria sorteará tres talonarios-cheques por importe de 100 euros cada un...
A Concellería de cultura e deportes da Laracha, que dirixe Patricia Bello, presenta o programa de actividades que se desenvolverá con motivo do Entroido entre o domingo 19 e o martes 21 do mes en curso.
A proposta deste ano mantén as actividades e concursos tradicionais que xa son un clásico no Concello da Laracha e que contan cada ano cunha alta participación por parte dos veciños.
Así, o domingo 19 a partir das 18.00 horas o pavillón do IES Agra de Leborís albergará o Baile da Piñata nunha xornada especialmente dirixida aos nenos e na que se repartirán larpeiradas a todos os rapaces que acudan disfrazados e haberá xogos e actuación musical do grupo Bambú.
Tamén os nenos serán os protagonistas o luns 20. Está programada a actuación dos pallasos Leño e Pizpireta desde as 17.00 horas na Casa da Cultura da Laracha, con asistencia gratuíta. Despois, no baixo da biblioteca municipal haberá unha festa da animación, co desenvolvemento de talleres de maquillaxe, elaboración de máscaras ou realización de xogos, entre outras actividades.
O día 21, martes de Entroido e festivo local no municipio, nova edición do Concurso de Disfraces na Praza do Concello que se fará no descanso da verbena a cargo da orquestra Brujas. Nesta ocasión o evento comezará ás 17.30 horas. Como outros anos, haberá premios en metálico nas categorías individual (infantil e adultos), parellas (tamén diferenciando entre infantil e adultos), grupos (de 3 a 8 membros) e comparsas (máis de 8 membros).
Asociación de Comercio, Servicios e Industria
O Concello aproveitará a celebración do Entroido para apoiar na potenciación e fomento do comercio a nivel local á Asociación de Comercio, Servicios e Industria da Laracha, que realizará un sorteo o martes de Entroido, e antes da celebración do Concurso de Disfraces, de tres talonarios-cheques por un importe de 100 euros cada un cos que os agraciados poderán mercar produtos e facer uso dos servizos que se ofertan en calquera dos locais e establecementos adheridos á citada asociación.
As rifas para participar neste sorteo están sendo repartidas desde hai varios días precisamente nos propios comercios asociados entre os seus clientes.
Ademais, un representante da Asociación de Comercio, Servicios e Industria da Laracha formará parte do xurado do Concurso de Disfraces, acompañando ás persoas que sexan nomeadas polo Concello da Laracha.