Viernes, 3 febrero 2012

A próxima semana reinícianse os obradoiros de alfabetización dixital e memoria

Enviar por email

Impartiranse na Laracha, Paiosaco e Caión. Tamén comezan os cursos de pilates e danza do ventre, nesta caso organizados pola Concellería de cultura e deportes. As inscricións son gratuítas e deben realizarse no Concello...

O obradoiros de alfabetización dixital e memoria que organiza a Concellería de servizos sociais da Laracha –que está dirixida pola edil Rocío López- reinícianse na próxima semana na Laracha, en Paiosaco e en Caión.

Trátase de propostas dirixidas a persoas adultas e, especialmente, á terceira idade. O obradoiro de alfabetización dixital e cultura xeral ten por obxecto principal ensinar aos alumnos coñecementos básicos de lectura, escritura e cálculo numérico (sumar, restar, multiplicar e dividir), incluíndo outros contidos considerados de interese como, por exemplo, a aprendizaxe de accións informáticas moi básicas (por exemplo, os pasos que deben seguirse para pedir cita no médico a través de internet).

No caso do obradoiro de memoria, o obxectivo é adestrar a retentiva dos participantes para axudar, na medida do posible, a manter ou recuperar a súa capacidade de recordar.

As 70 persoas que participaron na primeira quenda do mesmo, que comezou no pasado mes de outubro, están automaticamente anotadas para reiniciar a actividade. Ademais, o prazo de inscrición continúa aberto para novos participantes.

O único requisito é estar empadroado no Concello da Laracha, sendo a asistencia totalmente gratuíta. As persoas interesadas deben dirixirse ao departamento de servizos sociais (segundo andar da Casa Consistorial ou teléfono 981 605 001).

Os horarios do curso son os seguintes:

  • - A Laracha (planta baixa do edificio de servizos múltiples): Mércores de 9.45 a 11.15.
  • - Paiosaco (centro sociocultural de Porta Santa): Mércores de 11.30 a 13.00
  • - Caión (centro sociocultural da Ínsua): Xoves de 10.00 a 12.00


Programa de actividades de inverno da Concellería de cultura e deportes
Por outra parte, a Concellería de cultura e deportes, da que é máxima responsable Patricia Bello, anuncia que na próxima semana comezarán a desenvolverse dous novos cursos que forman parte do programa de actividades de inverno.

Unha das novidades deste ano, o curso de danza do ventre, principia o martes e impartirase semanalmente de 18.00 a 20.00 horas no baixo da biblioteca municipal da Laracha. Están anotadas 80 persoas.

O mesmo lugar, pero neste caso o mércores, comeza o curso de pilates, un dos que conta con maior participación, con 200 persoas inscritas, polo que foi necesario organizar tres quendas de unha hora de duración cada unha (de 18.00 a 21.00 horas).

Ademais, anúnciase a apertura do prazo de inscrición para a actividade de ximnasia de mantemento de Vilaño, que está previsto desenvolver no novo centro sociocultural desa parroquia os mércores de 19.00 a 20.00 horas, con data de inicio aínda por concretar.

Todos os veciños empadroados no Concello da Laracha e que estean interesados en participar en calquera destas tres disciplinas, poden anotarse de xeito gratuíto dirixíndose á Concellería de cultura e deportes.

¡Deje su comentario!
El Noticiero de Arteixo • Términos de usoPolítica de PrivacidadMapa del sitio
© 2012 • Todos los derechos reservados.
POWERED BY FOLIOePRESS