Grazas ao desenvolvemento do Plan de Banda Larga da Xunta de Galicia. Para tal fin foi adaptada a antena de Movistar existente no Monte do Vilar (Coiro). O goberno municipal ten previsto dar cobertura a Montemaior e ao val do Acheiro...
O desenvolvemento do Plan de Banda Larga da Xunta de Galicia posibilitou a posta en marcha dunha primeira actuación no Concello da Laracha consistente na adaptación dunha antena de Movistar, situada no Monte do Vilar (parroquia de Coiro), para despregar a tecnoloxía UMTS-3G na banda de 900 Mhz, que permite o acceso a internet de calidade e a alta velocidade na zona do val do Anllóns, que carecía deste servizo.
Deste xeito mellorouse a cobertura de datos en mobilidade e foi ampliada a oferta a unha trintena de núcleos de poboación situados nas parroquias de Coiro, Erboedo, Soandres, Golmar, Soutullo e Lestón.
O operador de telecomunicacións subministrará nos fogares que contraten o servizo de banda larga a base wifi necesaria para recibir o sinal 3G e conectar os diferentes dispositivos á rede vía inalámbrica. Ademais, os terminais de telefonía móbil verán mellorada a súa cobertura de voz e o acceso a internet en toda esta zona.
O Concello da Laracha, no marco do mesmo Plan de Banda Larga, ten a previsión de estender a cobertura de internet de calidade a través da tecnoloxía 3G ao resto do territorio municipal, especialmente a Montemaior e á zona do val do río Acheiro (parroquias de Golmar e Soutullo).
Para ese fin, a sociedade Retegal (Redes de Telecomunicación Galegas Retegal, S.A.) realizou un estudo para determinar a mellor situación para a instalación da nova infraestruturas necesarias a esas zonas. No caso da actuación xa realizada no Monte do Vilar aproveitouse unha antena existente con anterioridade, polo que o procedemento foi máis rápido e sinxelo e menos custoso que os previstos para executar en próximas datas.
Vella aspiración do goberno municipal
Dar cobertura de internet de banda larga a toda a superficie municipal, ofrecendo o servizo de telecomunicacións e acceso de calidade á rede tanto nos cascos urbanos como no ámbito rural, é unha vella aspiración do grupo de goberno local.
A redacción no ano 2009 do Plan Director para o Desenvolvemento da Sociedade da Información -financiado a través do Plan Avanza que financiaron o Ministerio de Industria e a Consellería de Industria da Xunta de Galicia- permitiu definir a situación do Concello da Laracha con respecto ás telecomunicacións e as actuacións que sería preciso realizar para dar resposta tanto ás necesidades existentes como ás que puideran xurdir nun futuro a curto ou medio prazo, establecendo os lugares idóneos para situar as antenas, redes eléctricas e demais instalacións precisas para a ampliación e o bo funcionamento das diferentes redes.
Posteriormente, ante a convocatoria do Plan de Banda Larga por parte da Xunta de Galicia, o Alcalde mantivo unha reunión de traballo con Mar Pereira, Secretaria Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica. O resultado da mesma foi a actuación realizada nos últimos días na antena do Monte do Vilar e o compromiso de instalar a nova infraestrutura para dar servizo a Montemaior e ao val do Acheiro.