O PSdeG-PSOE de Carral solicita a ampliación do servizo de pediatria no concello e do número de facultativos no Punto de Atención Continuada de Cambre...
O grupo socialista de Carral solicita a ampliación do horario de consulta no servizo de pediatría no Centro de Saúde municipal nunha moción que será tratada no pleno ordinario de mañá. Actualmente a atención pediátrica non supera as tres horas diarias, un horario claramente insuficiente para atender á poboación infantil de Carral, que medrou nos últimos anos. A situación empeora na tempada de verán, cando aumenta a poboación do concello e non se substitúe ao persoal sanitario de vacacións.
Ademáis, o PSdeG-PSOE de Carral reivindicará a necesidade de ampliar o número de facultativos do Punto de Atención Continuada de Cambre, que atende a estes dous concellos, que suman unha poboación aproximada de 30.000 habitantes. Os socialistas de Carral consideramos totalmente insuficiente que o servizo nocturno sexa atendido por unha única persoa xa que, no caso dunha urxencia domiciliaria, o dito servizo queda desatendido. Dende a agrupación socialista instamos ao goberno do Sr. Fernández Mouriño a ter en conta os problemas dos veciños e veciñas de Carral e a prantexar estas cuestións ante a Consellería de Sanidade.