Investiranse 200.000 euros no fresado, nova pavimentación e completa sinalización. Así o anunciou o 1º Tenente Alcalde no Pleno ordinario celebrado onte. Tamén adiantou que o luns será o acto oficial de inauguración do parque empresarial. Ademais, lembrou que no Concello da Laracha non se subirá o IBI...
A estrada AC-552 será renovada pola Xunta de Galicia de xeito “inminente” ao seu paso pola Avenida de Bergantiños de Paiosaco, o casco urbano da Laracha e nos accesos á autoestrada AG-55 en Cabovilaño. Así o anunciou José Ramón Martínez Barbeito, 1º Tenente Alcalde do Concello da Laracha, no Pleno ordinario celebrado hoxe que el mesmo presidiu tras escusar a ausencia do Alcalde, José Manuel López Varela.
Martínez Barbeito afirmou que, tralas xestións realizadas polo equipo de goberno municipal, a Dirección Xeral de Estradas da Xunta de Galicia comunicou que nos próximos días se acometerá unha actuación valorada en 200.000 euros e que inclúe o fresado, dotación cun novo pavimento e a completa sinalización horizontal e vertical nas zonas de actuación.
Inauguración oficial do parque empresarial
José Ramón Martínez Barbeito aproveitou a celebración do Pleno para anunciar aos tres grupos políticos con representación na Corporación municipal que o próximo luns, día 30 de xaneiro, a partir das 10.45 terá lugar o acto oficial de inauguración do parque empresarial da Laracha.
A día de hoxe, unha das labores fundamentais que está a desenvolver o grupo de goberno en colaboración con Suelo Empresarial del Atlántico (SEA) –empresa promotora do polígono industrial- é a captación de novas empresas para que se instalen e invistan na Laracha. Actualmente hai xa cinco firmas que adquiriron máis do dez por cento do terreo industrial dispoñible.
O Concello da Laracha non se verá afectado pola subida do IBI
“O Concello da Laracha será un dos municipios de Galicia nos que menos se gravará aos veciños por concepto de IBI”. Con esta rotunda afirmación Martínez Barbeito lembrou que o decreto-lei do 30 de decembro de 2011 non afecta ao municipio porque “a última ponencia de valores foi realizada en 2005”. Por tanto, no Concello da Laracha continuarase aplicando o tipo mínimo establecido por lei para o caso do imposto sobre bens inmobles (IBI) urbanos, que se sitúa no 0,4% do valor catastral, sendo do 0,3% no rural.
Asuntos de trámite na orde do día
Os asuntos incluídos na orde do día foron cuestións de mero trámite administrativo. Así, aprobouse por unanimidade a aprobación definitiva do estudo de detalle para cambiar a aliñación de tres parcelas no plan parcial “Buenos Aires área de reparto AR-S3”.
Coa única abstención do grupo dos nacionalistas foi aprobada unha modificación na ordenanza fiscal reguladora da taxa por expedición de licencias de vaos para adecuar o seu texto ao establecido na ordenanza de circulación e facilitar a tramitación administrativa de novas altas para determinados casos concretos. A modificación é exclusivamente na redacción do texto e, por tanto, de tipo técnico e sen implicar variación algunha nas taxas.