Martes, 24 enero 2012

O Concello solicita subvención á Xunta de Galicia para renovar o pavimento da praza do concello

Enviar por email

Na Xunta de Goberno Local celebrada onte. A Laracha tamén participará nas convocatorias para proxectos de enerxías renovables (INEGA) e de formación de adultos (Consellería de Educación)...

[Img #14826]O goberno municipal da Laracha ten proxectada a renovación integral do pavimento da Praza do Concello. Actualmente a superficie está deteriorada e, ademais, en determinadas zonas de sombra é resbaladiza durante o inverno, especialmente nos días de xeada.

A actuación proxectada consistiría na retirada das lousas de pizarra e a súa substitución por outras rectangulares de pedra granítica, que son máis resistentes e, polo tanto, máis apropiadas para este uso. Ademais, as pedras de granito existentes e que estean deterioradas serán cambiadas por outras de idénticas características. A Praza do Concello conservaría o seu debuxo, polo que non perdería unha das súas sinais de identidade.

Este proxecto está valorado en 50.000 euros, polo que o Concello da Laracha está na procura de atopar a colaboración económica doutras administracións para poder cofinancialo.

Con esa finalidade a Xunta de Goberno Local acordou, na súa reunión ordinaria celebrada hoxe, a solicitude de participación na convocatoria da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia relativa ás subvencións para infraestruturas de uso público en ámbitos urbanos e rurais. O obxectivo é alcanzar financiamento autonómico para o 80% do orzamento do proxecto.

Proxectos de enerxías renovables
Na Xunta de Goberno Local tamén se acordou solicitar a participación do Concello na convocatoria do Instituto Enerxético de Galicia (INEGA) para proxectos de enerxías renovables.

Tal e como se anunciou recentemente, o Concello da Laracha está aplicando unha serie de medidas para unha maior eficiencia enerxética, o que permite reducir os custos por consumo eléctrico para as arcas municipais, ademais dos beneficios de tipo medioambiental.

A actuación que se presenta ao INEGA é reforzar a instalación de placas solares en instalacións deportivas de titularidade municipal para o aproveitamento da enerxía térmica.

Este tipo de equipamentos xa veñen funcionando con éxito desde hai varios anos tanto no complexo deportivo do Campo Municipal de fútbol da Laracha como na piscina, onde gran parte da enerxía que se utiliza para a auga quente dos vestiarios procede de placas solares.

Actividades de formación de adultos
A terceira axuda económica que se solicita corresponde á convocatoria da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para o desenvolvemento de actividades de formación de adultos.

O Concello da Laracha, no caso de obter a correspondente colaboración económica, desenvolverá a partir do mes de abril o curso de graduado en educación secundaria para adultos, que é preparatorio para as probas oficiais que a Xunta de Galicia convoca cada ano en xuño e en setembro.

Licencias urbanísticas
Na Xunta de Goberno Local foron concedidas catro licencias urbanísticas para a construción de vivendas unifamiliares no termo municipal.

¡Deje su comentario!
El Noticiero de Arteixo • Términos de usoPolítica de PrivacidadMapa del sitio
© 2012 • Todos los derechos reservados.
POWERED BY FOLIOePRESS