Domingo, 22 enero 2012

O Concello porá en marcha un plan para reducir os custos da recollida, transporte e tratamento de residuos

Enviar por email

A principal medida será potenciar a reciclaxe, especialmente no rural, e ofreceranse novos servizos a través do punto limpo. Instalaranse máis contenedores nas parroquias, porase en marcha un servizo de recollida de voluminosos e realizaranse campañas informativas. O tratamento dos residuos sólidos supón un déficit de 100.000 euros para as arcas municipais...

O goberno municipal do Concello da Laracha considera que reducir os custos na xestión de determinados servizos sen que iso supoña unha redución na calidade dos mesmos son as accións máis importantes a desenvolver para combater a crise económica das administracións locais e buscar solucións ante as diminucións nos ingresos previstos para as próximas anualidades.

Desde hai varias semanas o Concello da Laracha está desenvolvendo un Plan de aforro enerxético a través do que se está reducindo os gastos na iluminación viaria e nos edificios municipais con medidas como reducir o fluxo dos focos do alumeado público a partir da media noite –incluso desde as 22.00 horas en determinadas zonas- ou, entre outras, a utilización de enerxías renovables nas instalacións deportivas. Agora, o novo Plan que se está deseñando ten por obxectivo potenciar a reciclaxe no termo municipal e especialmente nas zonas rurais, para reducir os custos relativos ao tratamento do lixo.

O Concello da Laracha destina anualmente uns 400.000 euros para prestar este servizo, incluíndo a recollida, o transporte e o tratamento dos residuos sólidos urbanos na planta de Sogama en Cerceda, así como o funcionamento das instalacións do punto limpo. Sen embargo, a recadación por impostos neste concepto sitúase nos 300.000 euros, o que significa un déficit anual para as arcas municipais duns 100.000 euros.

Por tanto, reducir a cantidade de quilos de residuos que se transportan á planta de Sogama é o claro obxectivo desta campaña. Potenciar recollida selectiva, ademais de evidentes beneficios medioambientais, permitiría diminuír os custos.

Así, o Concello da Laracha instalará un importante número de contenedores de vidro (verde), plástico (amarelo) e papel-cartón (azul) en todo o termo municipal, reforzando o servizo nos cascos urbanos e estendéndoo ás zonas máis poboadas das parroquias para incrementar notablemente o número de puntos de recollida.

Ademais, realizarase un seguimento especial aos locais de hostalería para que fagan unha correcta reciclaxe do vidro. Neste sentido estúdase levar a cabo medidas como renovar os contenedores para facilitar o depósito das botellas.

Punto limpo
En próximas datas o Concello da Laracha sacará a concurso a nova concesión da xestión do punto limpo municipal, situado no lugar do Formigueiro (parroquia de Vilaño), na estrada A Laracha-A Silva e a escasos cincocentos metros da capital municipal.

Nesta instalación préstase un servizo gratuíto para que todos os veciños que o desexen poidan desfacerse dos residuos que, polas súas especiais características, non poden ser depositados nos contenedores habituais.

O novo prego de cláusulas administrativas para a concesión da xestión do punto limpo contemplará un servizo de recollida de voluminosos a domicilio –ofertándose en días determinados e previa solicitude por parte dos usuarios- e tamén de papel e cartón en establecementos comerciais.

Colaboración veciñal
O grupo de goberno local considera que o forte investimento inicial que suporá en marcha a posta deste Plan específico para potenciar a recollida selectiva será amortizado en poucas anualidades de contarse coa necesaria colaboración dos veciños en xeral do municipio.

Por iso é fundamental que os habitantes da Laracha se involucre neste programa e coñezan os importantes beneficios do mesmo. Con ese obxectivo o Concello desenvolverá campañas informativas para potenciar a reciclaxe entre a poboación en xeral.

¡Deje su comentario!
El Noticiero de Arteixo • Términos de usoPolítica de PrivacidadMapa del sitio
© 2012 • Todos los derechos reservados.
POWERED BY FOLIOePRESS