O goberno local cualifica de “inxusto” o incremento do imposto decretado polo Estado que “invade as competencias” do Concello. Proporase a Feijoo que impulse ante o Goberno central a revisión urxente do sistema de financiamento local...
O grupo de goberno de Culleredo aposta por unha posición conxunta do pleno da corporación ante o aumento do Imposto de Bens Inmobles marcado polo novo Goberno do Estado. Na sesión plenaria que terá lugar o vindeiro xoves, día 26 de xaneiro, o Concello suxerirá a todos os grupos o rexeitamento desta suba por se tratar dunha medida “absolutamente inxusta que invade as competencias dos concellos e obriga a unha política impositiva onerosa para as economías da cidadanía”.
O equipo de goberno entende que as administracións deben amosarse sensibles á situación económica das familias. Por iso, buscará a unidade de todos os concelleiros para elevar ao presidente do Goberno que o incremento baixe, canto menos, a un 5%.
Os veciños cullerdenses veranse especialmente afectados polas medidas do Estado. Neste decreto, o Goberno impón unha suba dos tipos de gravame do IBI, que non poderá ser inferior a 0,50 no 2012 e a 0,60 no 2013. E varía entre o 10%, 6% e 4%, en función da antigüidade da revisión catastral -antes de 2002 (10%), entre 2002 e 2004 (6%), e entre 2008 e 2011 (4%). Este incremento vai afectar gravemente aos concellos galegos, xa que son máis do 70% os concellos de Galiza que fixeron a súa última valoración catastral antes de 2002, como é o caso de Culleredo.
A medida do Estado vén botar por terra as previsións que adoptaron os concellos antes do 1 de xaneiro, en canto á actualización de taxas e impostos, que se fixeron tendo en conta a situación económica municipal e dos seus habitantes, que agora veñen a sufrir este ano e o próximo unha nova e forte suba de impostos, acumulándose o incremento aprobado polo Goberno Central aos incrementos aprobados por moitos concellos para 2012.
A suba do IBI resulta, ademais de invasora das competencias locais, “escapista” das súas responsabilidades, porque fuxe da necesidade dunha “reforma urxente” do financiamento local para incrementar a contía de participación nos ingresos do Estado por parte dos concellos. Por isto, a moción que o Concello de Culleredo elevará ao pleno aposta por a implicación do presidente da Xunta de Galicia para interceder ante o Goberno central ante esta situación que viven as administración locais.
O grupo de goberno propón que a Xuntas impulse no Estado a unha modificación do financiamento local, de tal xeito que se incremente a contía de participación nos ingresos do Estado por parte dos concellos e dita participación se integre plenamente nos orzamentos da Xunta. Nesta reforma, entende o Concello, hai que ter en conta nos criterios de reparto o maior custe dos servizos no noso país, derivado da dispersión poboacional e do envellecemento da mesma.
Pero, tamén, fronte a esta medida tan inxusta do Goberno Central, xunto co incremento do financiamento e o recoñecemento de criterios específicos para Galicia, existe a alternativa de aumentar a capacidade financeira dos concellos coa cesión de novos tributos, dotar de maior eficacia á loita contra a fraude fiscal e por preservar que os concellos poidan decidir sobre os seus propios instrumentos tributarios para equilibrar os seus orzamentos, coa debida corresponsabilidade fiscal. Esta será outra das xestións que se demandarán da Xunta.
O goberno municipal considera que diante desta grave medida que obriga a un incremento impositivo que prexudicará á cidadanía, cun grave impacto nas economías domésticas e que invade as competencias municipais, correspóndelle ao Goberno galego actuar para preservar a autonomía dos concellos galegos, e non optar polo silencio cómplice diante da inxusta imposición do Goberno Central.